6 mar 2012

Boa iniciativa da CIG no día internacional da Muller



A CIG conmemora o 8 de marzo baixo o lema “As mulleres coa folga xeral. Xuntas podemos!”

As reformas (laboral e das pensións) terán efectos especialmente negativos sobre a muller galega, que parte dunha situación máis precaria
A secretaria confederal de Muller e Mocidade, Margarida Corral, compareceu esta mañá en rolda de prensa para presentar a campaña da CIG arredor do 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, que desta volta se conmemora baixo o lema “As mulleres coa folga xeral. Xuntas podemos!”, e informar dos actos que con este motivo convoca ou nos que participa a central sindical. Xunto a ela interveu a responsábel do Gabinete Técnico de Economía, Natividade López, quen presentou as conclusións do traballo “A muller no mercado laboral en Galiza”, realizado a partir da análise dos datos oficiais do ano 2011.
12-03-02 8 de marzo
A secretaria confederal de Muller, Margarida Corral comezou a súa intervención lamentando que leis como a de violencia de xénero ou a de Igualdade, que supuxeron inicialmente un avance, ficaran no esquecemento ao comezar a aplicarse as medidas de recorte de gasto público, as reforma laborais ou reforma das pensións.
A respecto desta última, a secretaria confederal da Muller denunciou que “agravará a feminización da pobreza e dificultará aínda máis que as mulleres poidamos acceder a pensións dignas”. A isto engadiu o impacto que terá a eliminación da Retroactividade para as persoas beneficiarias das axudas á dependencia e a “insuficiente” reforma do réxime de empregadas de fogar. Insuficiente, matizou,  porque “non supón a aplicación do ET nin a súa inclusión ao 100% no réxime xeral con plenos dereitos, como a prestación por desemprego ou a cotización ao FOGASA”.
Especialmente duras foron as súas críticas ás políticas do PP en Galiza, ao que acusou do desmantelamento dos servizos sociais públicos, pola eliminación dos Puntos de Información á Muller e das oficinas de I+B; o servizos de Noitebús; o programa ENTENDO; a privatización das galescolas; os recortes orzamentarios que levarán á desaparición de Preescolar na Casa ou dos Plans Concertados “que pode supor a desaparición das prestacións básicas de servizos sociais nos concellos ou o copago, que, alertou, “están tentando instalar tanto na sanidade como nos servizos sociais”.
Fronte a isto, denunciou o financiamento con cartos públicos de entidades ligadas á extrema dereita antiabortista e “entidades abertamente confesionais e católicas que, desde logo, non traballan a a prol da igualdade de oportunidades e do empoderamento das mulleres”, dixo, “no marco dunha lei – a de familia- que cousificou á muller  que pretende devolvela ao seu rol tradicional de nai-coidadora do fogar”.
Dereito ao aborto
Especial fincapé fixo no boicot “sen precedentes” á lei de interrupción do embarazo ou á dispensación da pílula postcoital de balde nas farmacias “con informacións sesgadas e falseadas, mentres deixaban a responsabilidade de asesorar ás mulleres a asociacións ultracatólicas”.
Desmentiu ademais as recentes declaracións da deputada do PP, Angeles Díaz, quen vinculou a pílula postcoital ou o aborto a un suposto incremento das enfermidades de transmisión sexual. “Podemos afirmar que en Galiza non se rexistrou ningún aumento nas infeccións sexuais, senón que a súa incidencia vaise reducindo de xeito progresivo”.
Medidas do PP no estado
Do mesmo xeito, denunciou as políticas que vén aplicando o PP desde que chegou ao goberno do Estado, polo efecto que teñen sobre a s mulleres, desde os recortes no investimento público até o anuncio de reforma da lei do aborto “que impide exercermos o dereito ao control dos nosos corpos, volvendo á lei de 1985”, pasando polas ameazas de reforma ou mesmo derrogación de leis como a do matrimonio entre persoas do mesmo sexo, a lei integral contra a violencia de xénero ou a propia lei de igualdade.
Xunto a estas medidas denunciou a especialmente lesiva reforma que se vén de aprobar, a reforma laboral, que facilita o despedimento, e a redución dos salarios, precariza e desregula as condicións de traballo, fomenta o uso de contratos lixo de formación e aprendizaxe até os 30 anos e permite que sexan “as empresas e non as mulleres as que estabelezan os criterios para a concreción horaria da redución de xornada por coidado, atendendo a necesidades produtivas e organizativas, e que limita que esta redución se realice só na xornada diaria”.
Actos arredor do 8 de marzo
Ante todas estas agresións, fixo un chamamento a non ficar caladas ante este novo ataque e a participar dos actos que están convocados pola CIG, nomeadamente na folga xeral, pero tamén na xornada de loita que terá lugar o propio 8 de marzo, ás 12:00 horas, nas sete cidades, con accións de repulsa fronte institucións, empresas e mutuas que vulneran os dereitos das mulleres. Do mesmo xeito, fixo un chamamento á participación de todas as galegas á mobilización nacional convocada para o domingo 11 de marzo, baixo o lema “Mulleres Galegas en loita polos nosos dereitos”, convocada por distintas organizacións feministas, entre elas a CIG, con saída ás 12:00 h desde a Estación de Tren en Compostela.
Alén disto, lembrou que, no marco dun acto que terá lugar o vindeiro martes, día 6 de marzo, entregaranse os Premios do 8 de Marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.
“A muller padecerá con máis dureza a reforma das pensións”
Pola súa banda, Natividade López Gromaz presentou as conclusións do informe “Muller e mercado laboral en Galiza, 2011”, no que se reflicte a grave situación laboral á que se enfronta a muller galega, tras das reformas que se veñen aprobando nestes últimos anos, ao partir dunha situación de maior precariedade.
Para demostralo, lembrou que as mulleres son as que teñen a temporalidade máis alta, dun 27,3% fronte o 22,4% dos homes; sofren maiores taxas de desemprego, dun 18% fronte o 16% e mentres que só un 4% dos homes teñen contratos a tempo parcial, as mulleres representan o 30%. Con esta situación, “padecerán con máis dureza as consecuencias da reforma das pensións, que alén de ampliar a idade de xubilación alongou os anos de cotización necesarios para ter dereito á pensión máxima,  o período de cálculo da base reguladora, mudou o cálculo das lagoas de cotización e modificou o complemento a mínimos”, explicou.
De feito, a economista salientou que segundo a propia memoria económica do anteproxecto de lei de reforma das pensións, o 75% dos homes que se xubilaron en xaneiro de 2011 tiña 38 anos e medio cotizados, fronte a tan só o 24% das mulleres que o fixeron nesa mesma data.
“Se este é o presente”, sinalou, “o futuro non se presenta máis alentador”, aínda que prognosticou unha maior presenza feminina no mercado laboral, froito da necesidade de acadar uns ingresos mínimos no fogar familiar, como ocorre en épocas de crise e de forte medre do desemprego, especialmente masculino.
De feito, no ano 2011 a poboación activa medrou un 0,8% de media, debido fundamentalmente á maior presenza de mulleres, xa que entre os homes descendeu un 0,5%. “Cada vez a participación de homes e mulleres no mercado laboral é máis semellante. Neste último ano, as mulleres representan o 47% da poboación activa e os homes o 53%. Cinco puntos de diferenza, cando até hai poucos anos eran en torno a 15 puntos os que os separaban”, concluíu.
A taxa de ocupación feminina segue sendo inferior á masculina, cunha diferenza de 11,2 puntos (antes da crise a diferenza era de 18 puntos), malia o forte descenso -de preto de cinco puntos- que vén sufrindo a masculina desde o ano 2007. En concreto, só 40 de cada 100 activas dispoñen dun traballo. Por iso lamentou que “temos poucas mulleres con emprego e a maioría delas están ocupadas no sector servizos”. Os datos así o constatan. A poboación feminina ocupada é de preto de medio millón e destas o 81,6% están ocupadas neste sector.
O pequeno comercio é a actividade que engloba un maior número de traballadoras, xunto co de hostalería, ramas nas que traballan un 26% das mulleres. O sector público (educación, sanidade, servizos sociais ou administración xeral) está cada vez máis feminizado, e é o que garante, “de momento”, matizou a economista, a ocupación feminina, cuxa presenza é residual en sectores que sufriron con máis dureza a crise como a construción.
Salientou, en todo caso, a destrución de emprego feminino, en torno a un 20% nas actividades financeiras e en todo o relacionado coa información e a comunicación.
Fronte a isto, apuntou un fenómeno curioso que se está a dar da perspectiva de xénero “non só se está destruíndo moito máis emprego masculino que feminino en xeral, senón que entre os empresarios están desaparecendo unicamente empresarios homes e nacendo empresas a nome de mulleres, tanto con asalariados a cargo como sen eles”.
Acadando a igualdade no mercado laboral, pero por abaixo
López Gromaz afirmou que, á vista dos datos, e logo de anos demandando medidas para garantir a igualdade no mercado laboral é agora, por mor da crise, cando se está acadando pero “non porque a muller mellora a súa situación, senón porque o home está empeorando”.
Como mostra, apuntou o forte medre do desemprego masculino, que fai que as taxas de paro de homes e mulleres sexan practicamente as mesmas. Do mesmo xeito, a caída dos salarios medios dos homes fai que as diferenzas salariais sexan cada vez menores. A perda de emprego das persoas asalariadas con contrato indefinido está igualando as taxas de temporalidade e tamén o aumento de homes traballando a xornada parcial está diminuíndo as diferenzas coas mulleres.
Neste sentido, lembrou que desde o ano 2007, o descenso da contratación afectou máis os homes, polo que as diferenza que existían naquel momento entre homes e mulleres se foron paliando, ata reducirse a practicamente 17.000 contratos por ano.
Aínda así, as diferenzas mantéñense e en 2011 rexistráronse 646.286 novos contratos, a maioría de carácter temporal, modalidade que medrou, entre as mulleres, un 1,2%, mentres que descendeu entre os homes  un 2%.
O peso da contratación indefinida é de 8 puntos inferior entre as mulleres que entre os homes e o contrato de interinidade continúa sendo asinado maioritariamente por mulleres, un 72,8%. Ademais, constátase, segundo a economista, que descenden os traballadores/as a xornada completa e increméntanse os/as de xornada parcial, tanto entre os homes como entre as mulleres, pero en maior medida entre os homes. “Aínda así, as mulleres representan o 76,8% dos traballadores/as a xornada parcial”.
Natividade López Gromaz cualificou o comportamento do mercado laboral como “de manual” nunha situación de crise e afirmou que, en canto ao futuro,  “se entre todas e todos non somos quen de frear as reformas que se están tramitando nestes momentos, este pode ser máis negro. De aí a necesidade de apoiarmos activamente a próxima folga xeral”.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...