19 jul. 2011

Trece organizacións nacionais chaman a participar na manifestación de Causa Galiza, entre elas a F.O.GA


Representantes de trece organizacións soberanistas xuntáronse esta mañá na Praza de San Martiño Pinario da capital galega para mostrar o seu apoio á manifestación convocada por Causa Galiza para este 25 de xullo, que sairá ás 12:30 da Alameda de Compostela. As entidades, asinantes do Acordo Democrático Nacional (ADN) presentado o pasado 18 de decembro en Pontevedra, destacaron nun manifesto a necesidade de “construír un proceso de acumulación de forzas políticas, sindicais e sociais nacionalistas”, algo “imprescindíbel” no actual contexto de crise.
Membros de Adiante, Assembleia da Mocidade Independentista, Ateneu Proletário Galego, Ceivar, Colectivo Nacionalista de Marín, Central Unitaria de Traballadores/as, Espaço Irmandinho, Frente Popular Galega, Fronte Obreira Galega, Movemento pola Base, Partido Comunista do Povo Galego, Redes Escarlata e Siareir@s Galeg@s reuníronse hoxe na compostelana Praza de San Martiño Pinario para facer un chamamento a participar das actividades convocadas por Causa Galiza, por quinto ano consecutivo para este Día da Patria.
Diante do mosteiro que foi o último reduto da Revolución Galega de 1846, Tino Lago, en representación da Fronte Obreira Galega, deu lectura a un manifesto no que os colectivos asistentes se reafirmaron no compromiso de construír un novo escenario político en que o soberanismo galego gañe referencialidade política, introdución social e liderado para condicionar a situación de Galiza. Fronte á vía estatutaria esgotada, as organizacións soberanistas e independentistas avogaron por “unha estratexia ruturista que faga frente con decisión e claridade á España e ao dominio do Capital”.
En consecuencia coa estratexia “de quen asumimos que a rutura co cadro constitucional español é condición imprescindíbel para un futuro de democracia e liberdade”, os asinantes do ADN fixeron un chamamento á sociedade galega “para participar masiva e activamente” na manifestación convocada por Causa Galiza para este 25 de xullo ás 12:30 na Alameda de Compostela.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...