En 1962 co obxectivo de aillar a Cuba, aprobouse na Oitava Reunión de Consulta de Cancilleres da OEA, celebrada en Uruguay, a exclusión de Cuba da OEA co argumento de que o socialismo era incompatíbel co sistema americano.
O 4 de febreiro de 1962 como resposta a esta decisión da OEA, ás presións de EEUU e a unha campaña internacional en contra de Cuba, Fidel Castro pronunciou un discurso histórico diante de máis dun millón de persoas reunidas na Praza da Revolución da Habana. Neste discurso coñecido como a 2ª Declaración da Habana, o lider revolucionario, reafírmase no dereito dos pobos de América Latina á soberanía e á independencia contra o imperio estadounidense.
50 anos após este histórico discurso, de rabiosa actualidade nestes momentos de crise do modelo capitalista e perda de soberanía dos pobos, Cuba segue erguendo a bandeira da dignidade e a xustiza social que representan os valores do socialismo e segue a ser un exemplo, malia a campaña de intoxicación mediática, de independencia e soberania para todos os pobos do mundo.
Este sábado 4 de febreiro cúmprense 50 anos deste feito histórico e con tal motivo as organizacións Colectivo Nacionalista de Marín, Partido Comunista do Povo Galego, Fronte Obreira Galega, Frente Popular Galega e a Asociación de amizade Galiza con Cuba Francisco Villamil celebrarán un acto de conmemoración en Marín.
No acto, que terá lugar na biblioteca municipal de Marín a partir das 19h, participarán e falarán o Cónsul Xeral de Cuba en Galiza, Alejandro Fuentes, e os xornalistas Gustavo Luca de Tena e Xurxo Rodríguez.
No hay comentarios:
Publicar un comentario