22 jul 2010

Rolda de prensa de presentación na Galería Sargadelos




Rolda de prensa o martes 20 de xullo as 12 na Galería Sargadelos (Rúa Urzáiz, Vigo) para dar a coñecer unha nova organización política do movemento nacionalista: a Fronte Obreira Galega (FOGa)

Participaron nesta comparecencia diante dos medios de comunicación:
Francisco Xavier González Sío, Xavier Prieto Torre, Xose Carlos De La Fuente Estevez e Amelia Vila Vila membros da xunta xestora e voceiros da Fronte Obreira Galega.

O martes 20 de xullo realizou a súa primeira presentación e intervención pública a Fronte Obreira Galega, que é un partido de traballadores e traballadoras vinculados e militantes do Movemento Nacionalista Galego, é da súa corrente obreirista, integrantes na súa maioría do sindicalismo Nacionalista, da CIG.
Desde a FOG, salientan que acreditan “noutro modelo de sociedade, máis xusta e igualitaria, fundamentada nos principios e nas bases da participación, pluralismo e asemblearismo, cun referente único e claro: a defensa da clase traballadora”.
A Fronte Obreira Galega, como colectivo de mulleres e homes, tenta abrir un espazo de debate dende a esquerda, fomentando a participación das bases nos diferentes ámbitos asociativos, “sen sectarismos nin dirixismos, pretendendo facer das asembleas órganos de decisión e debate. Soamente na comunicación e na discusión, seremos quen de xerar e crear apartacións, ilusión e traballo para cambiar o sistema”.
“O ataque continuo ao “Estado de Benestar”, que coas novas reformas laborais que intentan impoñer, faise inviable, máis non porque a cidadanía aspire a manter unhas condicións de vida aceptables e a melloralas , senón porqué a minoría hexemónica só pode nadar na superabundancia a costa do empobrecemento da maioría. Por iso entendemos que o socialismo é a única alternativa aceptable para as clases traballadoras”, rematan neste comunicado de presentación, sobre o que se estenderán na cita cos medios o próximo martes, onde darán a coñecer cales van ser os seus eixos de traballo e próximas convocatorias.
Vigo, 19 de xullo de 2010
Correo de contacto
fronteobreiragalega@gmail.com

Mais información:
http://www.vieiros.com/nova/80341/militantes-do-sindicalismo-nacionalista-crean-unha-nova-organizacion-politica
E mais:
http://www.elcorreogallego.es/galicia/ecg/fronte-obreira-galega-sera-nueva-corriente-en-el-bng/idEdicion-2010-07-21/idNoticia-571443/

18 jul 2010

Compostela 25 de Xullo


Como xa sabedes a maioria ó dia da Patria Galega quedamos as 12:00 no palco da alameda.



25 de Xullo do 2010
DIA DA PATRIA



A Fronte Obreira é un colectivo de traballadores e traballadoras demócratas vencellados e militantes o movemento nacionalista galego e a súa corrente obreirista. Procedemos de diversos eidos políticos, sindicais, culturais, etc. e creemos nunha sociedade diferente, igualitaria e xusta, fundamentada nos principios e bases da participación, o pluralismo e o asemblearismo, cun referente único e claro a defensa das clases traballadoras.

Entendemos que hoxe, dentro das organizacións ideoloxicamente organizadas cara a liberación nacional de Galiza, e no cambio do sistema que esmaga e afoga as clases traballadoras, conviven unhas correntes hexemónicas que están a repartirse o poder. Estas levan deixando de lado os movementos sociais, ás clases traballadoras, os colectivos ecoloxistas, ou calquera tipo de expresión democrática que empregue a cidadanía para expresarse e que conforman tradicionalmente e forman o seu corpo militante nestas organizacións, sempre que as reivindicacións de estes colectivos non teña uns réditos persoais para a xente que conforma estas organizacións.

As correntes oficiais, dominantes tanto dentro do partido hexemónico no nacionalismo galego (BNG), como no sindicalismo nacionalista (CIG) están supeditadas a grupos que se erguen como portadores das verdades absolutas, que non traballan na consecución dos fins para os cales se fundaron inicialmente , nomeadamente a liberación da nazón galega e do proletariado galego e por ende, do planeta do xugo do sistema capitalista como sistema, que neste intre actual de crise mostrase se cabe máis caduco que nunca levando a sociedade cara a destrución.

Fomentando a participación das bases nos diferentes ámbitos asociativos; sen sectarismos nin dirixismos; facendo das asembleas non órganos de información nin adoutrinamento, senón Órganos de decisión e debate,. Sómente na comunicación e na discusión seremos quen de crear e xerar aportacións e ilusións para trocar un sistema que devora ós seres humanos, nun sistema onde homes e mulleres compartan o traballo, a ilusión e o futuro, tanto para as xeracións presentes, como para os futuros herdeiros da terra, a quen debemos deixar un legado libre de hipotecas, tanto ambientais como económicas.

Nacemos para recuperar a lexitimidade do único e verdadeiro valor: o das persoas que militan dentro das institucións e contra o apoltronamento carguista, que ignora as necesidades e potencialidades dos homes e mulleres militantes no nacionalismo galego, obreiro e de esquerdas.

Os nosos plantexamentos implican necesariamente a pescuda de solucións novedosas e innovadoras que nos permitan avanzar facendo que sexa a cidadanía a que marque o camiño a coller e ser referente para está dende unha clara visión obreirista, e debemos ter en conta que posiblemente as organizacións clásicas estruturadas en modelos do pasado século non sexan válidas, nin ás que a sociedade actual precise.

Aspiramos a organizarnos nunha estrutura de masas que actúe sobre a sociedade e movementos consolidados condicionando os puntos de vista políticos, ideolóxicos e económicos.

Por iso, dende agora, ata sempre, traballa con nos, polo socialismo real, sen dirixismos.

Primeiro acto público do F.O.GA

O F.O.GA escolleu o dia 25 de xullo para darse a coñecer e sair a rua  no que se pode dicir que foi o seu primeiro acto público despois da súa presentación en rolda de prensa.

Aquí vos deixo unhas imaxenes que falan por si soas.




percorrendo as ruas de Compostela

Todos irmanados




17 jul 2010

Obxetivos e pricipios da Fronte Obreira Galega

Obxetivos




Recollendo do patrimonio común aquelas ideas forza máis reveladoras da nosa razón de ser como organización política, explicitamos como obxetivos da Fronte Obreira Galega os seguintes:




  • A mellora progresiva xeral, individual e colectiva dos intereses das traballadoras e traballadores, da propia organización e do conxuntoda sociedade galega, das condicións laborais e da calidade de vida.

  • A profundización democrática e social constante cara a achegarnos a unha sociedade máis xusta e máis humana, sen explotación económica nin opresión política, calquera que sexan as formas en que esta se manifieste. Por eso pretendemos a superación do sistema capitalista e a construcción do socialismo.

  • O pleno exercicio de tódolos dereitos humanos, individuais e sociais, sen discriminacións, incluído o da Autodeterminación.

  • Promovernos o máximo respecto á dignidade humana, a paz, a democracia, a xustiza social e a igualdade, a aplicación da Declaración Universal dos Dereitos Humanos atraveso da acción colectiva da clase traballadora. Fomentarmos a solidariedade internacional, o bo entendemento e a boa vontade universais, o antimilitarismo, a solución pacifica dos conflictos, o desarmamento e a reconversión da industria militar en civil, así como unha nova orde internacional xusta.
  • Esixirmos a utilización pacífica, racional e ao servizo da toda a humanidade dos avances cientificos e tecnolóxicos, e impulsarmos modelos productivos enerxéticos fundamentados ecoloxicamente.
  • Loitarmos contra toda forma de racismo, xenofobia, ou prexuizo e discriminación na sociedade en razón de sexo, estado civil, enfermidade, idade, lingua, relixión, opinión política, opción social, sexual, posición social ou económica, orixe étnica, nacional ou cultural.
  • Impulsarmos a participación socio política e a inserción laboral e profesional das mulleres e mocidade na sociedade, asegurando a igualdade de oportunidades ea ausencia de discriminación.
  • Fomentarmos a organización e a solidariedade e o apoio mutuo como mecanismo de defensa dos intereses da clase obreira.
  • Promovermos as estructuras e accións necesarias para a plena integración na sociedade dos grupos máis desfavorecidos, co obxeto de eliminarmos as bolsas de extrema pobreza e marxinalidade, combatendo as causas que as producen.
  • Pularmos pola completa normalización lingüistica do idioma propio de Galiza.

Principios Programaticos

LOITA de clase: A Fronte Obreira Galega é unha organización política que afirma, día a día, o seu carácter de clase, adoptando as decisións que en cada momento considera, para mellor defender os intereses inmediatos e xerais da clase traballadora galega na perspectiva da transformación social.

Nacionalismo: A Fronte Obreira Galega definese como unha organización política nacionalista porque Galiza é unha nación sen soberanía política, ao servizo dos intereses alleos, submetida e dependente económica, política e culturalmente. A procura da nosa soberanía e o exercicio do dereito de autodeterminación son para nós irrenunciábeis. Desde a nosa independencia e autonomía, reclamámonos parte do movemento nacionalista galego.

Autoorganización: Entendendo que ningún dos principais problemas de Galiza se pode resolver favorablemente aos intereses do noso pobo se este non toma consciencia da súa identidade e traduce esa consciencia en organizacións propias e soberanas, a Fronte Obreira Galega é expresión da autoorganización da clase obreira galega.

Solidariedade e internacionalismo: A Fronte Obreira Galega, atraverso do seu traballo en diversas organizacións e a traverso de si mesma, garante a unión e solidariedade da clase traballadora con independencia do sector en que ocupen as súas actividades, do territorio onde vivan ou das diferencias e atrancos que podan existir. Así mesmo, estamos vencellados á loita común dos traballadores e das traballadoras do mundo pola súa completa emancipación e ás dos pobos que loitan pola súa liberación nacional.

Democracia e participación: A Fronte Obreira Galega entende a democracia como valor universal. Garante a igualdade de dereitos da súa afiliación, asegura o funcionamento democrático de todos os seus órganos de dirección e elixe todos os seus cargos democraticamente. Fomenta a participación e as asembleas de afiliados e afiliadas, así como as dos traballadores e traballadoras, como método para evitar o individualismo, o corporativismo e a burocracia, e como unha maneira de facilitar a coresponsabilidade nos debates e na toma de decisións.

Independencia: A Fronte Obreira Galega é independiente e soberana na toma de decisións. Autogovernase e non está suxeita a control de ningún grupo de poder económico, ideolóxico ou relixioso.

Pluralismo: A Fronte Obreira Galega é unha organización política de esquerdas e plural, respeta e fai respetar a liberdade interna e a diversidade de opinións políticas tanto individuais como colectivas, garante a liberdade de expresión e pensamento sen restriccións de ningunha clase, e cumpre e fai cumprir os estatutos dos que libre e voluntariamente se dota.

Transformación: A Fronte Obreira Galega e unha organización política transformadora. Para mellor defender e facer realidade os seus obxetivos, participa na vida sociopolítica e fomenta, así mesmo, a participación máis activa da súa afiliación.

Unidade: A Fronte Obreira Galega persegue a máis completa unidade da clase traballadora galega. Así mesmo, propiciará a máis ampla e posible unidade de acción política, social e sindical para acadar os obxetivos fixados.

Normalización: A Fronte Obreira Galega expresase en galego, o cal defende como único idioma oficial de Galiza, abogando polo seu uso en todas as situacións da vida cotiá.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...